O Concello de Ourense porá en marcha o venres, 29 de abril, unha Aula Municipal de Cociña, destinada a acoller actividades para fomentar a alimentación e a vida saudable, dirixidas a público de todas as idades, xunto con accións formativas buscando a inserción laboral de persoas desempregadas.
A aula de cociña estará no Centro de Promoción da Saúde do Concello, na rúa Vasco da Ponte, nº 1, no barrio das Lagoas. O acto de inauguración será o venres, 29, ás 18:30 horas, e contará coa participación do gañador da terceira edición do popular concurso de televisión MasterChef, Carlos Maldonado, quen manterá un encontro co público de Ourense e responderá ás preguntas que lle desexen formular as persoas asistentes.
Esta iniciativa das áreas de Sanidade e Xuventude, coa colaboración de Asuntos Sociais, Igualdade, Voluntariado e Educación (programa Universidade Popular), xurde de comprobar que desde hai anos as actividades relacionadas coa cociña son das máis demandas nos programas que organizan estas áreas municipais. Agora, para acadar os mellores resultados, estas propostas intégranse e refórzanse nun programa conxunto.
A Aula é posible grazas ao patrocinio de My personal kitchen, que instalou unha cociña completa con total equipamento para realizar cursos, showcooking, demostracións de produtos, etc, tendo como obxectivos principais o fomento da vida saudable e a educación nutricional, e mellorar así a calidade de vida da veciñanza. A oferta da Aula de Cociña incluirá formación continua, obradoiros sobre alimentación, formación para o emprego, foros e showcookings e cursos para menores, terceira idade e interxeneracionais.