O alcalde de Ourense mantivo este martes unha xuntanza con representantes dos traballadores de Linorsa, a empresa concesionaria da limpeza dos colexios públicos da cidade e que vén de presentar concurso voluntario de acredores.
Na reunión, o rexedor informou das dúas alternativas que ve para solucionar o conflicto laboral que ten provocado que a empresa lle adebede dous meses e medio de salarios (que poden converterse en tres e medio a final deste mes de abril). Serán as que lle expoña ao administrador concursal de Linorsa, a quen xa lle solicitou unha reunión de urxencia: ou a regularización dos pagos ás empregadas (a Lei concursal obriga ao pago inmediato dos 30 días anteriores á declaración do concurso) ou ben a rescisión unilateral do contrato, a primeira alternativa que plantexará o Concello de Ourense. “Se asina unha rescisión e hai vontade por parte do administrador, entendo que nós ao día seguinte xa estaríamos en opción de contratar momentaneamente e de maneria temporal a unha empresa para que dea continuidade a este servizo durante os dous meses que quedan”, valorou Jesús Vázquez.
A posibilidade de que fose o propio Concello quen rescatase esa concesión foi desbotada pola longa tramitación que supón: “entre que abrimos o expediente vannos pasar os meses sen solventar o problema”, explicou o alcalde.
Preguntado por se o Concello introducirá cláusulas sociais na futura adxudicación que evite que volva pasar unha situación semellantes, Vázquez recalcou que os pregos faranse “acorde ao que a normativa permite”.