A Plataforma ProCAPDOurense presentou este mércores na Delegación da Xunta en Ourense as 50.000 firmas recollidas nos últimos 15 días en apoio á creación dun centro público para a atención de persoas con discapacidade maiores de 21 anos na nosa provincia. Este mesmo día tiveron unha xuntanza co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a quen lle reclaman “un centro en condicións, público e de xestión pública”, apuntaba Eva Gutiérrez, voceira da Plataforma.O conselleiro comprometeuse a crear un novo centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) en Ourense.
ProCAPDOurense confía en que as súas demandas sexan escoitadas porque “non é unha tontería de catro pais senón que é unha demanda lóxica e necesaria para a nosa provincia”. Ourense é actualmente a única provincia que non conta cun centro de atención á diversidade para maiores de 21 anos, idade na que deixan de estar escolarizados no Centro de Educación Especial de Velle. “Non imos deixar de loitar polo que consideramos xusto”, recalcou.
Insisten en que sexa unha instalación de xestión pública. “Precisamos como pais unha garantía de que os nosos fillos teñan un lugar onde vivir para cando nós non esteamos, necesitamos polo ben dos nosos fillos unha seguridade que só proporciona a Xunta e ademais consideramos que os servizos sociais non son un negocio, ten que asumir a responsabilidade a Consellería de Política Social”, explicaba esta nai.
En canto ás prazas que debería ter este centro, recordan que “en Redondela o centro ten 120 prazas, Sarria tamén, o da provincia da Coruña ronda as cen prazas… polo tanto extrapolando supoño que aquí como mínimo esas prazas tamén son necesarias”. Eses centros están cheos e hai lista de espera, polo que estiman que para Ourense sería necesario unha cifra similar. “Seguro que se enchería”, puntualiza Guitérrez.
Compromiso da Xunta
A Consellería de Política Social construirá un novo centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) en Ourense. Así o trasladou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ao colectivo de pais e nais de mozos e mozas con discapacidade psíquica e física do Centro de Educación Especial “Miño”, de Velle.
O centro emprazarase na zona de Mariñamansa e a xestión do mesmo será pública, respondendo así ás peticións do colectivo de pais e nais. Estas novas instalacións contarán cun total de 48 prazas para centro ocupacional e de día e residenciais. Cómpre destacar que neste ano 2016, un total de 5 mozos e mozas deixarán o Centro de Educación Especial “Miño” e ata o ano 2020, o sumatorio de persoas que sairán deste centro é de 14 rapaces e rapazas. Polo tanto, con estas 48 novas prazas, darase cobertura non só ás necesidades dos discapacitados e discapacitadas maiores de 21 anos que saen de Velle, senón tamén a aqueles que están noutros centros da provincia e aos que marcharon a outros centros fóra da mesma.
O novo centro terá unha extensión de 15.500 metros cadrados, e un mínimo de 37 profesionais entre os que se atoparán director, educadores, coidadores, camareiros e limpadores.