O alcalde de Ourense e o presidente da Deputación visitaron este xoves as obras de urbanización da rúa Concello, unha actuación longamente agardada, que estaba incluída no Plan Municipal de Investimentos e que se puido executar grazas a un convenio coa Deputación.
En concreto, a actuación, que ten un orzamento de 507.000 euros, vai supoñer unha renovación íntegra de todos os servizos da rúa, incluíndo saneamento, abastecemento e iluminación. A ubicación das luminarias actuais manterase, aínda que se substituirán os elementos lumínicos e se soterrarán as conducións.
A actuación implica a demolición das beirarrúas e do pavimento de adoquíns da calzada, e a reordenación da sección transversal da rúa. O aparcamento pasará a ser en batería, sumando dúas prazas de estacionamento máis que as actuais, e facilitando maior fluidez do tráfico e unha maior comodidade para manobrar.
Asemade, a obra comprende a pavimentación nova da calzada con aslfato e a reposición das beirarrúas, aumentando o ancho da beirarrúa esquerda de 1,95 metros a 3 metros. Na beirarrúa dereita ampliarase a 3 metros no tramo final, entre o PAC e a rúa Xoán XXIII. No último tramo quedarán só dous carrís de 3 metros cada un, un para a dirección recta e outro para xirar á dereita e parada de autobús.
As obras, que comezaron a finais de marzo, teñen un prazo de execución de seis meses. O Goberno local non contempla neste momento un acurtamento da duración das obras, pois dependerá “das circunstancias que vaian aparecendo” así como das condicións metereolóxicas dos próximos meses.
Cooperación
Tanto Jesús Vázquez como Manuel Baltar enxalzaron a cooperación entre as dúas administracións para levar a cabo esta obra tan demandada. Así, o presidente da Deputación de Ourense destacou “a importancia da cooperación entre o goberno provincial e o Concello de Ourense, que preside as relacións entre ámbalas dúas institucións desde a chegada de Jesús Vázquez ao goberno local, o que se materializou na creación do Comité de Cooperación Permanente, o único que existe entre un goberno provincia e unha capital de provincia, que nos permite abordar temas referidos a infraestruturas, como é este caso, pero tamén outros de ámbito cultural”. Pola súa banda, o alcalde agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense “para levar a cabo en tempo record o feito de que hoxe estea en obras esta rúa, unha actuación moi demandada polos cidadáns debido aos problemas de circulación que presentaba”.