Este xoves 28 de abril abriu o prazo de inscrición da Ludoteca – Campamento urbano- para o ano 2016, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín.
Este servizo, que busca cubrir o período estival dos menores, comezará o 23 de xuño e finalizará o 9 de setembro. O campamento urbano estará dispoñible en varios horarios, de luns a venres, e con distribución por idades; ademais da contratación de persoal cualificado, fomentando o emprego xuvenil con nove monitores de tempo de lecer, doce monitores de voluntariado xuvenil e persoal en prácticas.
Ao igual que o ano pasado, o Concello de Verín ofrece un abano de horarios e prezos. Nesta edición ofrecerase como novidade un servizo por semanas, moi demandado -sobre todo- pola xente que pasa os seus períodos estivais na nosa vila.
A Ludoteca de Verán – Campamento Urbano é un espazo destinado a menores, con idades comprendidas entre os 3 e 13 anos, que se realizará nas instalacións dos Módulos do CEIP Amaro Refoxo, Colexio Princesa de España e nas dependencias municipais da Casa da Xuventude e Salón de Actos da Casa da Cultura.
Animación á lectura e contacontos, piscina, piragüismo, rutas de sendeirismo, novas tecnoloxías, cine infantil, obradoiros medioambientais, xogos tradicionais, olimpíadas e acampada nocturna, serán algunhas das actividades nas que poderán participar os cativoss.
As solicitudes cubriranse na Oficina Municipal de Información Xuvenil, na Casa da Xuventude (Avda. Portugal 11, 1ª planta – Porta 15), por orde de inscrición e pago ata cubrir 200 prazas.