Centos de nenos e nenas recibiron ao seleccionador nacional Vicente del Bosque no renovado campo de fútbol de Maceda, nun acto que serviu para poñer en valor estas novas instalacións deportivas, nas que a Deputación de Ourense investiu máis de 220.000 euros, destinadas a potenciar a práctica deportiva, sinaladamente do fútbol, en especial entre os máis pequenos da contorna macedá. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen xunto co alcalde de Maceda, Rubén Quintas, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañou ao seleccionador nacional na súa visita á vila de Maceda, dixo que hoxe “se pon en valor unha infraestrutura deportiva da man dunha persoa, Vicente del Bosque, quen nos fixo crer que os soños se poden facer realidade: que foramos campións do mundo”
“Maceda o merece, Maceda o pediu, Maceda o ten, e non podía haber un colofón máis perfecto para un acto de inauguración como o de hoxe que contásemos coa presenza de Vicente de Bosque a quen lle agradecemos de corazón que estivese aquí acompañándonos”, destacou Manuel Baltar.
Pola súa banda, Vicente del Bosque animou a todos ser optimistas “porque non hai máis que ver o cambio que ten experimentado España no ámbito deportivo, e boa proba diso é a renovada instalación deportiva que hoxe inauguramos, que lle permite darlle aos nosos mozos mellores medios para practicar deporte e ter unha mellor calidade de vida”.
Rubén Quintas dixo que a presenza de Vicente de Bosque “sitúa a Maceda no mapa deportivo nacional, e ao cal convidamos a vir coa selección de fútbol”, e afirmou que Maceda “é unha vila humilde pero que ten destacado polo grandes deportistas de ámbito nacional e internacional que deu e segue dando”.
As obras de remodelación do campo de fútbol “Cardenal Quiroga” de Maceda, unhas instalacións con máis de 60 anos de historia, consistiron no cambio de terra por céspede artificial, a renovación das bancadas e a mellora dos accesos e vestiarios, unha obra cuxo custe ascendeu a 360.000 euros, sufragados pola Deputación de Ourense e o Concello de Maceda.
Previamente á visita ao campo de fútbol, onde agardaban a Vicente de Bosque un millar de escolares procedentes de Castro Caldelas, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e Maceda, o seleccionador visitou en compañía das autoridades locais, provinciais e autonómicas a Casa do Concello, onde asinou no Libro de Honra e, de seguido, na fachada do edificio, descubriu unha placa da rúa que leva seu nome.
Xa no complexo deportivo tivo lugar o acto de descubrimento da placa conmemorativa da inauguración das novas instalacións, o saúdo aos nenos e nenas que recibiron a Del Bosque, os discursos protocolarios e a interpretación do Himno Galego por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, tralo cal disputáronse dous simbólicos partidos de fútbol 7 entre rapaces pertencentes á Escola Deportiva de Maceda.
A presenza de Del Bosque na vila Macedá xerou unha grande expectación na contorna, e foron moitas as persoas que se achegaron ás inmediacións da Casa do Concello e tamén ao campo de fútbol para saudar ao seleccionador nacional e facerse fotos con el, xestos que Del Bosque agradeceu en todo momento. A visita do seleccionador a Maceda rematou cun percorrido polo castelo, acompañado polas autoridades.