Estudantes dos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro da Valenzá participan nunha novidosa iniciativa para fomentar o uso de tranportes alternativos ao coche á hora de ir ao colexio. A través do “xogo da serpe”, pegarán cada día nun cartel o número de escolares que acudiron ao centro educativo a pé, en bici ou en patinete. Como premio, os alumnos destes dous centros públicos participarán no parque infantil de tráfico o 25 de xuño.
A concelleira de Educación, Marga Pérez, explicou que o obxectivo da implantación do camiño escolar é reducir o número de vehículos privados que a diario transportan nenos aos colexios e crear unha rede de itinerarios seguros para que os escolares se poidan desprazar camiñando. Preténdese tamén promover a autonomía infantil e fomentar o camiñar “coma unha forma de loitar contra o colesterol, a obesidade, a ansiedade ou o abatemento”.
Ademais, os 2 e 3 celebrarase un circuíto de educación vial no colexio Filomena Dato, pois no Ruxidorio xa tivo lugar esta semana. E o 4 de maio, o alumnado do CEIP Filomena Dato inaugura o mural de Catalina, a mascota desta iniciativa.