Marisol Mendive naceu en Bilbao, pero dende pequena viviu en Zaragoza. Alí estudiou piano, e ao rematar formouse no órgano de tubos, tanto na capital de Aragón como en Barcelona.
Estivo varios anos de organista nun santuario e fai 10 anos dedidiu optar á praza de profesor de órgano que se ofertou no Conservatorio de Ourense, o único da comunidade que ensina esta especialidade.
Nos últimos sete anos compaxina as clases no conservatorio coa dirección do Ciclo de concertos didácticos de órgano que se imparte na igrexa de Celanova.
Como xurdiron estes concertos didácticos?
Marisol Mendive: “O Concello de Celanova acababa de restaurar o órgano da igrexa, quería sacarlle partido e pensou nesta actividade. Ao mesmo tempo, un grupo dos meus alumnos, eran sete ou oito, que daquela daban clases de música en Secundaria, sabían que os estudantes ían a concertos didácticos impartidos pola Filarmonía de Santiago, a Orquesta Sinfónica da Coruña, e parecíalles que sería unha boa idea facelos de órgano.
Polo que ambos confluíron na mesma proposta. E así empezou fai sete anos. Creouse unha unidade didáctica, que se colgou na web, fíxose un calendario e comezamos con poucos alumnos, todos do entorno de Celanova, eles sentábanse no coro e eu faláballes, pero non tiñamos os medios que hai agora.
Pouco a pouco todo se foi profesionalizando. E logo veu o apoio da Xunta, porque economicamente o Concello, aínda que non se precisa unha inversión elevada, non pode afrontalo todo, e agora están apoiados pola Secretaría Xeral de Cultura.
Na actualidade hai moito soporte técnico, hai cámara de video, canón con pantalla, micro inalámbrico, 50 sillas… xunto a persoal do Concello que axuda a distribuir os grupos e organizar o ciclo. Ademais, o Concello encárgase de enviar a información aos centros escolares para que se inscriban. Trátase dunha actividade pioneria en España, é a única dirixida a grupos de alumnos de toda unha comunidade”.
Cal é a particulariedade principal deste ciclo?
M.M.: “A primeira novidade é o lugar no que se imparten os concertos, o órgano de Celanova e o coro alto, que son espectaculares. Así conséguese un encontro directo dos mozos cun patrimonio do século XVI que doutra forma non coñecerían.
Nesta actividade van escoitando a historia dos monxes, da liturxia… e todo xera un ambiente que os mete directos na mesma.
Tamén que o órgano é único, cunha caixa das de maior tamaño de Galicia. Porque grandes órganos en uso na actualidade en Galicia só están os de Tui, Compostela e Celanova. E por último o son en directo dun instrumento de tanta beleza e riqueza sonora, que os impresiona porque non están acostumados a escoitar un instrumento deste tipo”.
En que consiste un concerto didáctico?
M.M.: “O que é o concerto didáctico dura unha hora. Na primeira parte eu explícolles dunha forma dinámica a historia do instrumento; na segunda parte séntome ao órgano e enséñolles todos os sons, o vento, os fuelles; e na terceira eles son os protagonistas, eles tocan coa flauta doce acompañados do órgano as obras que prepararon previamente cos seus profesores. A min isto paréceme o máis fermoso da actividade.
Pero en xeral, sorprende o silencio que hai, a atención que poñen e o respecto que mostran.
Falamos de adolescentes entre 12 e 18 anos, e tratando un tema como o do órgano, pero marchan felices”.
Cantos alumnos adoitan participar ao ano?
M.M.: “Temos unha media de 1.100 ou 1.200 alumnos cada ano procedentes de toda Galicia.
Este ano xa está todo o programa pechado, xa estaban completados os 30 grupos tres semanas antes de comezar o ciclo, e iso quere dicir que xa está dentro da rutina dos centros escolares”.
Esta actividade compleméntase con visitas a lugares culturais emblemáticos de Celanova.
M.M.: “Si, é o complemento ideal. Ao principo só comezou con música, pero agora inclúense visitas á Casa dos Poetas, Castromao e Vilanova dos Infantes. Os institutos que veñen gozan de interdisciplinariedade, xa que se xuntan alumnos de lingua, historia e música, e todos aproveitan a visita. Por iso fai falla un equipo importante para organizar aos distintos grupos. Eu creo que isto é un regalo para Celanova, para dar a coñecer a vila e a súa historia entre alumnos de toda Galicia”.
En que pode seguir mellorando esta iniciativa?
M.M.: “Creo que é unha idea que cuallou moi ben, e que pode dar de si proxectos interesantes, como facer un video ou unha gravación cos mellores grupos. Polo que se houbera un apoio económico estable, porque hoxe non está orzamentado nin pola Xunta nin polo Concello, poderían incluírse outros proxectos”.
Cal foi a túa primeira impresión cando viches a igrexa de San Salvador e o seu órgano?
M.M.: “Impresionoume moito. En xeral, toda Galicia, porque ten un patrimonio de mosteiros incrible, Ramos, Oseira, Santo Estevo… E o de Celanova é incrible, o coro alto é único, a igrexa tamén me impresionou, e chamoume a atención que o órgano estea en uso, e o empreguen nas misas. Así é como debe ser, que o órgano sexa un obxecto usado de xeito normal. E ese é o labor do Conservatorio de Ourense, dar a coñecer este patrimonio que está moi abandonado, e formar aos mozos organistas para que o vaian promovendo”.
Que balance fas destes sete anos de concertos?
M.M.: “É unha experiencia única para os estudantes, é preciosa, é unha forma de achegar o patrimonio cultural aos mozos. Creo que o Concello de Celanova ten que estar moi orgulloso deles”.