O portavoz socialista no Concello de San Cristovo de Cea, Guillermo Fernández Dopazo, vai solicitar ante rexistro que o alcalde proceda a facer as xestións oportunas perante quen corresponda, para trasladar o depósito de gas situado na zona do Outeiro, ao pé da estrada que vai ao cemiterio. Os veciños da zona levan moito tempo solicitando este traslado, posto que ao estar nun cruce perigoso e ao carón das súas vivendas, «supón un perigo real para a súa integridade en caso de accidente».
No seu momento, o depósito fora colocado por Xestur e ante as queixas dos veciños, o alcalde argumenta que agora xa non se lles pode reclamar nada posto que xa non están en Ourense. «Se J.L. Valladares quixera, realmente, solucionar o problema, poríase en contacto con Xestur Galicia ou perante o órgano competente da administración, por exemplo, a Consellería de Vivenda», apunta o socialista.
Desde o PSdeG de Cea entenden que hai «desidia» por parte do Goberno municipal Cea á hora de dar solución a este grave problema, «posto que os propios veciñoss se preocuparon de ofrecer a posibilidade de ubicar o depósito nun terreo cercano pero que xa non suporía perigo para os habitantes nin para os usuarios da estrada». Por estas razóns, o portavoz socialista solicita ao Concello que actúe con rapidez e se faga todo o posible por trasladar o depósito de gas, antes de que todos e todas teñamos que lamentar graves consecuencias.