“Non existe vontade algunha de diálogo”, con esta afirmación o voceiro de Ourense en Común Martiño Xosé Vázquez censura a desidia do Partido Popular na aprobación dos orzamentos para o presente ano económico. “Que os orzamentos deban agardar á adaptación da RPT non imposibilita ir avanzando na negociación. Se cadra o que acontece é que non queren abrir ese escenario pois evidenciaría a súa minoría nun contexto de confrontación electoral e prefiren seguir facendo campaña con inversións de consellerías afíns”.
Fai quince días o mesmo grupo municipalista solicitaba crear un foro de traballo para “avanzar e analizar as prioridades de gasto, futuras inversións e compromisos plenarios ou analizando as diferentes propostas dos grupos.“ Así era que Ourense en Común propuña a posibilidade de reservar unha pequena partida para un proxecto piloto de orzamentos participativos. “A inversión autonómica está moi ben pero para xestionar un concello de máis de cen mil habitantes hai que escoitar de primeira man as súas demandas e necesidades”.
En resposta a aquel comunicado, o propio Alcalde D. Jesús Vázquez Abad afirmaba que estaría encantado de recibir propostas, pero que deberían tramitarse polos mecanismos que a propia institución conta para tal. Lembrando novamente que debe avanzarse en primeiro lugar na “adecuación da Relación de Postos de Traballo”.
Dende Ourense en Común insisten que novamente veñen de solicitar a apertura dese mecanismo que cita o alcalde na Xunta de Área correspondente e a concelleira responsable de Facenda Ana Morenza reiteraba que “o primeiro avance deberá ser o borrador que presente o Partido Popular” supeditando así calquera acción do resto de grupos da oposición á súa iniciativa; proceder censurado por Martiño Xosé Vázquez ao comprender que “non só evidencia a desidia do equipo de goberno nesta materia senón que bloquea calquera iniciativa que a maioría da corporación poda presentar. O Partido Popular ten que comprender que goberna en minoría e que o bo discorrer da xestión municipal depende da súa capacidade de diálogo. A cal está sendo a día de hoxe nula”.