Fundamentándose no cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007, Ourense en Común ultima a moción para a retirada da medalla de ouro da cidade ao ditador Francisco Franco, outorgada en 1946.
“É responsabilidade social, e fundamentalmente política, a construción dunha nova memoria, que dignifique aos heroes e heroínas da nosa historia, que sinale aos verdugos, e que desmonte o discurso hexemónico creado e inoculado na ditadura”, apunta Ledicia Piñeiro.
Desde a súa promulgación hai 8 anos, Ourense incumpre a Lei de Memoria Histórica, e nomeadamente o artigo 15 da devandita Lei, que mandata que «as Administracións Públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións, conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura».
Ourense en Común considera que “debemos revogar este acordo e continuar construindo un novo relato do pasado onde se poñan en valor ás e aos demócratas e non a quen fixo, apoiou e foi sustento dun golpe militar ou do rexime franquista. A figura de Francisco Franco simboliza a época máis triste da nosa historia, a escuridade dunha longa noite de pedra e simboliza o exterminio de boa parte da nosa mellor xeración de demócratas.”
A formación política quere “que esta moción sirva como homenaxe a todas as persoas asasinadas polo franquismo”, e fai mención ao último alcalde democrático de Ourense ata os anos da transición, Manuel Suárez Castro, un home de orixe humilde, que a través da súa traxectoria sindical, chegou a converterse nun referente para as veciñas e veciños da época e chegou a ser rexedor da corporación municipal. Manuel Suárez Castro foi fusilado en 1937, como moitos outros alcaldes daquel momento, os intelectuais, a poboación civil activa e os mandos militares que non secundaron o golpe.
A moción, que busca o acordo para que lle sexan retirados a Francisco Franco e a cantos formasen parte da represión franquista, calquera recoñecemento honorífico, será presentada por rexistro nos próximos días en conxunto e co apoio do grupo municipal socialista, para que sexa votada no pleno ordinario do mes de maio, que se celebrará o vindeiro venres 6.