A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense inicia o curso gratuíto ‘Vales un 10’, unha novidosa iniciativa aberta a público de todas as idades para aprender a desenvolverse nas tarefas do fogar e rachar así cos tópicos sobre roles e xéneros. O programa levarase a cabo no Centro de Información para a Muller, na rúa do Ensino, a través de dous cursos: un de ‘supervivencia doméstica’ e outro de ‘costura e alisado de roupa’. Os participantes poderán ser homes e mulleres a partir de os 18 anos e sen límite de idade, e o prazo de inscrición permanecerá aberto até o 6 de maio.
No primeiro dos obradoiros, de ‘Supervivencia doméstica’, os participantes aprenderán a realizar reparacións básicas no fogar de xeito seguro e eficiente: bricolaxe, electricidade, fontanería e pintura en xeral. Terá lugar todos os mércores do 11 de maio até o 8 de xuño de 10:00 a 12:30 horas, e hai 15 prazas dispoñibles.
O segundo dos obradoiros, baixo o nome de ‘Non te cortes nin te queimes’, quere desenvolver habilidades no eido da costura e do alisado de roupa. Deste maneira, os asistentes coñecerán os segredos da confección (bastas, puños e remates), granduxar (unir teas e rematar costuras), elaborar ollais e coser botóns, corchetes e broches, así como a colocar cremalleiras. Tamén poderán facer as súas prácticas na cofección de descosidos e alisado de todo tipo de prendas. Este obradoiro, para o que hai outras 15 prazas dispoñibles, terá lugar os martes e xoves do 10 ao 31 de maio no mesmo horario, de 10:00 a 12:30 horas.
As inscricións, que serán recibidas por rigoroso orde de entrada, faranse a través do enderezo de correo concelleria.muller@ourense.es.