Este xoves 28 de abril celebrouse no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense a asemblea extraordinaria da Unión Deportiva Ourense. Tres foron os puntos a tratar na orde do día: a elección do logotipo da marca Unión Deportiva Ourense, a aprobación dos prezos dos carnés de socios e abonados da tempada 2016-17, e a inscrición á Asociación de Fútbol de Ourense (AFOU), ademais dunha rolda libre de intervencións. Quedaron aprobados os dous primeiros, pero non o referido á AFOU, que se pospón ata ter máis información sobre a citada asociación.
Sobre o prezo dos carnés para a tempada 2016-17 estes sofren un incremento con respecto aos dous primeiros anos. Os novos prezos foron aprobados con 47 votos a favor e dúas abstencións.
O abono sénior -de 25 a 65 anos- pasaría de 30 a 40 euros; os que queiran facer o abono protector pagarán 60 euros e recibirán de agasallo a nova camiseta do equipo. O xubilado pasa a ter un custo de 35 euros; os menores de 25 anos, 25 euros; o familiar pasa a ser de 65 euros; os desempregados, 20; os menores de 16 anos seguirán co mesmo prezo de dous euros e as persoas con discapacidade terán o seu carnet gratuíto. A axuda ao equipo feminino será de 10 euros. Os que pidan ser socios a partir desta campaña deberán levar os dous anos de historia do club como abonados e ser aceptados pola asamblea, ademais de pagar 110 euros.
Barra de Miño
Este domingo a Unión Deportiva Ourense visita no campo do Tato ao Barra de Miño. Co título de campión de Liga e o ascenso a Primeira Autonómica no peto, os homes de Anotnio Dacosta tentarán continuar cunha racha que os levou a gañar nos últimos 21 partidos de Liga.
Ademais buscarán que o dianteiro Cristian Dacosta remate a tempada como pichichi; actualmente ten 31 goles.