La Molinera continúa co seu carácter de apertura aos cidadáns coa inauguración da xornada ‘Faladoiros dixitais ao redor do Big Data’, un foro para poñer a disposición do grande público o coñecemento e o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). O obxectivo é o de “crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara a búsqueda de emprego”, aseguraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación.
O encontro é o primeiro da segunda edición da campaña de divulgación e difusión «1 mes, 1 profesión dixital”, froito da colaboración entre o Concello e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organizadores desta xornada.
A través dos expertos que participan no foro quérese dar a coñecer ao grande público competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual. A directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que “a rápida evolución tecnolóxica destes anos xerou a demanda de habilidades e competencias dixitais en todos os sectores e, por iso, é fundamental tanto fomentar vocacións tecnolóxicas como ofrecer á cidadanía ferramentas para a capacitación dixital”, dixo.
Na presentación participou tamén o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, quen destacou o labor de divulgación e o carácter inclusivo das actividades que organiza o Colexio, sempre disposto a colaborar con outras administracións.
Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data (datos masivos). Os relatores exporán as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.