O Ourense Provincia Termal (COB) xogábase este xoves forzar o cuarto partido da eliminatoria do playoff de ascenso ou dicir adeus á tempada. Cunha desvantaxe de 0-2 na serie ante o Burgos, os de García de Vitoria saían á cancha a por todas, non había outra opción.
O primeiro cuarto rematou cun resultado 22-15. O COB sempre foi por enriba no marcador, con rendas pequenas ata o final, que se despegou do Burgos con máis de sete puntos de diferenza. O cuarto rematou cun roubo e canastra de Ballesta.
Nos primeiros minutos do segundo período, o COB amosouse seguro no rebote defensivo, apenas deixando segundas opcións de ataque ao rival. Pouco a pouco os locais fóronse alonxando no marcador. Os ourensáns chegaron a ter unha vantaxe de 14 puntos (33-19), pero dous triples consecutivos dos burgaleses reduciron a diferenza por debaixo dos dez puntos a falta dun minuto. Un ataque fallido para cada equipo deixou o luminoso ao descanso en 38-32.
No terceiro cuarto, o Burgos foise achegando no mercador, e tivo oportunidades de poñerse por diante. Os ourensáns aguantaban como podían o empuxe do rival. Unha canastra de Zamora desde o propio campo cando sonaba o asubío final do período fixo levantar a todos os espectadores dos seus asentos. O electrónico marcaba 63 a 55.
Esta xogada deulle forza ao COB para afrontar os últimos 10 minutos. Zamora e Kapelan levaron as rendas do conxunto cara a vitoria, que, coa afección volcada, foi metendo o encontro no peto, fronte a un Burgos sen capacidade de reacción. De feito, o equipo ourensán logrou situarse a máis de 20 puntos.
85-67 foi o resultado final. O COB, por méritos propios, forzou o cuarto partido.
Domingo
Esta vitoria fai que a eliminatoria se prolongue, polo menos, un partido máis, que se disputará este domingo 1 de maio ás 19 horas no Paco Paz.