Os sindicatos COO e UGT denuncian que Ferrovial, a concesionaria da limpeza no complexo hospitalario ourensán, «incumpre as súas obrigas laborais e presta un servizo deficiente á saúde pública».
Sinalan nun comunicado conxunto que en setembro pasado, ante a posibilidade de que a empresa presentar un ERE temporal, solicitáronlle diversa documentación oficial, como contrato de adxudicación do servizo asinado polo Sergas con Ferrovial e Plan de Prevención de Riscos Laborais (PLR) actualizado. Desde o comité de empresa do CHUO critican a opacidade da concesionaria e explican que “tras máis de seis meses dende a petición da documentación, a representación sindical tan só recibiu o PLR actualizado e puidemos comprobar que a empresa estivo empregando durante máis de seis anos o plan de prevención de riscos do ano 2009 sen actualización algunha e sen facilitalo ata o de agora á representación legal do persoal. Medio ano despois seguimos á espera de que se nos facilite copia do contrato administrativo que, en base á lei de transparencia, débeselle facilitar e entregar aos representantes legais dos traballadores”.
Dende as organizacións sindicais explican que a organización da limpeza dun centro hospitalario “debe conxugar, por unha parte, a limpeza de corredores e zonas comúns, así como a de quirófanos e salas de especial atención, debido aos seus riscos. Neste caso, por non existir unha reorganización axeitada do traballo e por falta de persoal, desaténdense as medidas de prevención de riscos, tanto no que se refire a Trastornos Músculo Esqueléticos (TME) como á excesiva carga de traballo ao ter que realizar o mesmo labor con independencia do persoal asignado”
CCOO e UGT, a máis de advertir directamente á dirección do CHUO e da denuncia pública sobre as deficiencias na prestación do servizo pola concesionaria, veñen de presentar denuncia formal ante a Inspección Provincial de Traballo polos incumprimentos da empresa na organización do traballo e na prevención de riscos do persoal no desempeño das súas funcións.