A MOTECES celebrarase do 3 ao 13 de maio coa participación de 9 grupos de 8 centros da cidade e coa asistencia de 1.000 alumnos.

A Mostra de Teatro de Centros Educativos de Secundaria (MOTECES) acada a súa decimoquinta edición do 3 ao 13 de maio coa participación de 9 grupos de teatro formados por alumnos e alumnas de educación secundaria de 8 centros da cidade. Ás representacións, que terán lugar todos os días ás 12:00 horas no salón de actos da Escola Municipal das Artes Escénicas, acudirán un milleiro de alumnos de 11 centros de ensino da cidade.

A MOTECES é unha das actividades de teatro máis importantes que oferta a Concellería de Educación, xa que é unha maneira de colaborar cos grupos de teatro escolares para que poidan facer unha representación final que mostre o esforzo dos ensaios de todo o ano, ofrecéndolle ademais o salón de actos da Escola Municipal das Artes Escénicas de Ourense.

Os obxectivos desta MOTECES son os de facilitar o intercambio de experiencias teatrais entre os distintos centros de ensino da cidade, así como formar espectadores teatrais críticos e animar os alumnos e alumnas que asisten como público eses días a practicar teatro ou formar novos grupos, como xa pasou en numerosas ocasións durante estes anos.

Como actividade paralela a esta mostra levouse a cabo o IV Concurso de deseño de carteis da MOTECES, do que saíu o cartel anunciador da mostra deste ano, realizado por unha alumna de 3º de ESO do CPR Santo Ángel.

Calendario

A mostra comeza o martes 3 de maio, coa inaguración a cargo do grupo de teatro “Caixadesastre” do CPR Sto. Ángel coa obra “Estrelas no Aire”, dirixida por Andrés Rodríguez Yáñez e con público asistente do CPR Sto. Ángel e da EPA.

O mércores 4 de maio será o turno do grupo de teatro “Jopelines Mary Teatro” do IES Otero Pedrayo coa obra “A Risa Durmida”, dirixida por Pablo Silva e con público asistente do CPI José G. García (Mende) e do CPR Divina pastora (Franciscanas).

O xoves 5 de maio actuará o grupo de teatro “Acto Blanco” do IES E. Blanco Amor coa obra “La Zapatera Prodigosa”, dirixida por Marga Varela con público asistente do IES E. Blanco Amor e do CPI José G García (Mende).

O venres 6 de maio, tócalle ao grupo de teatro do IES Lagoas coa obra “Romeo + Xulieta”, dirixida por Ledicia Álvarez (Lele) con público asistente do CPR Sto Ángel e do IES E. Blanco Amor.

O luns 9 de maio, actuarán “Carrabouxos Teatro” do CIFP Carballeira coa obra “Viaje al Mundo de Talía”, dirixida por Marga Varela e con público asistente do IES O Couto e do IES Universidade Laboral. O martes 10 repetirase esta mesma obra con público do IES Xesús Ferro Couselo e do CIFP Portovello.

O mércores 11 de maio, subirá á escena o grupo de teatro “Quinto Teatro” do IES X Ferro Couselo coa obra “Anxélica ás portas do ceo”, dirixida por Marga Varela e con público asistente de IES E. Blanco Amor.

O xoves 12 de maio, “Xogos Florais 2.0” do CPR Divina Pastora interpretará a obra “univerSÍtarios”, escrita e dirixida por Román Godás Ibáñez e con público asistente do IES Lagoas

O venres 13 de maio será a clausura a cargo do grupo de teatro “IAD -14” do IES Universidade Laboral coa obra “Lisístrata”, dirixida por Matilde Vázquez con público asistente de IES Otero Pedrayo. Posteriormente terá lugar a entrega de agasallos a todos os grupos de teatro participantes e á gañadora do IV concurso de deseño de carteis da MOTECES.