A Coral de Ruada presentou unha nova edición da súa revista, a número 11, na que dá conta da actualidade musical e cultural da formación coralista nos últimos tres anos. A publicación conta co apoio da Deputación de Ourense, “que contribúe a pór en valor o labor que desde hai case cen anos realiza a Coral de Ruada, a gran embaixadora de Ourense”, afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e que contou tamén coa participación do presidente da Coral, Samuel Lago, e do presidente de honra da formación musical, Eladio Quevedo.
Manuel Baltar destacou que a Coral de Ruada “representa a traxectoria dun pobo que ao longo dun século tivo na Coral de Ruada a súa banda sonora”, e lembrou as numerosas distincións que a agrupación ten recibido “pola súa traxectoria e defensa da cultura e da música da nosa terra, algo polo cal a Deputación de Ourense é aliada estratéxica súa e comparte os mesmos intereses, que son a defensa da nosa provincia e das nosas tradicións”.
Samuel Lago agradeceu á Deputación de Ourense “o apoio decidido que lle brinda á Coral de Ruada”, e explicou que a revista ten unha tirada de 500 exemplares que serán distribuídos gratuitamente entre bibliotecas, institucións, centros galegos e coralistas.
O número 11 da revista recolle as actividades realizadas pola Coral durante os anos 2013, 2014 e 2015, ademais de seccións como: a Entrevista, Discografía propia, Visitas, In Memorian, e información sobre actividades da Coral. Samuel Lago, adiantou que neste número inclúense novas seccións como “Medalla Castelao”, “Reedición das Obras Completas de Xabier Prado “Lameiro” e “Escolas”; nesta última dáse conta da posta en marcha da escola de instrumentos populares “Virxilio Fernández”, e da colaboración con centros escolares para a promoción da música galega en coros infantís, ademais das viaxes da coral e seus concertos por distintos puntos da xeografía galega.