O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral da “Vuelta a España”, Javier Guillén, presentaron no Castelo de Maceda os datos referidos á repercusión económica e mediática que terá para a provincia de Ourense a celebración de catro etapas da 71ª edición da “Vuelta” en territorio ourensán. Segundo destacou Javier Guillén, o retorno económico da proba ciclista suporá en cinco días uns ingresos mínimos na provincia de Ourense de 2 millóns de euros, no que atinxe á hospedaxe, manutención, combustible e demais gastos que ocasiona a presenza das 2.500 persoas que integran a caravana da “Vuelta a España”, entre ciclistas, técnicos, persoal de apoio e de organización, seguridade e medios de comunicación, que contan xa con 1.198 xornalistas, fotógrafos e técnicos acreditados.
Protagonismo
A provincia de Ourense será a protagonista principal da 71ª edición da proba ciclista, pois o 10% do percorrido da “Vuelta” correrase por estradas de Ourense, coa retransmisión da presentación no Balneario de Arnoia e a transmisión íntegra da primeira etapa, unha contrarreloxo entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Castrelo de Miño, dúas horas de televisión en directo para todo o mundo.
A audiencia total estimada en España é de 2,3 millóns de espectadores, mentres que no ámbito internacional, o ano pasado 390 millóns de persoas de todo o mundo seguiron a “Vuelta a España” en 190 países, sendo os máis destacados desde o punto de vista promocional Portugal, Francia, Bélxica, Holanda, Noruega, Dinamarca, Italia, Estados Unidos e Canadá.
Actividades
Nos meses previos a disputa da ronda, realizarase na provincia de Ourense varias actividades relacionadas como “La Vuelta Junior” e a reunión que se celebrará en xuño na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, na que se dará conta aos alcaldes dos concellos ourensáns polos que pasa a “Vuelta a España” da repercusión promocional que significará para os municipios. A presenza en medios de comunicación de todo o mundo, reunión que servirá tamén para coordinar os dispositivos para o desenvolvemento da carreira.