O Partido Socialista e Ourense en Común asinan unha moción conxunta para debater no pleno deste venres no Concello de Ourense reclamando que se inclúa a Benposta: Cidade dos Muchachos no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. A petición implica que se actualice o Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal coa limitación dos usos urbanísticos permitidos e a creación dunha área de protección.
A xuízo do voceiro de OUeC, Martiño X.Vázquez, “Benposta acumula todas as características para ser protexido como un ben cultural”. Recordaba tamén o socialista José María García Tejerina que cando o Padre Silva puxo en marcha a Cidade dos Muchachos en 1966, foi “un sopro de aire fresco en plena dictadura franquista”, como un un modelo de organización democrática a microescala.
De conseguir que Benposta se inventaríe, sería a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a que decida as cautelas que se aplicarían aos terreos.
Ourense en Común xa presentara en marzo unha moción na que solicitaba que se elaborara un informe técnico que valorase a oportunidade de participar na subasta dos terreos de Benposta. Daquela, a abstención de Democracia Ourensana e os votos en contra do Partido Popular impediron que prosperase. García Tejerina recoñecía que se DO non cambia o seu voto nesta ocasión “esto no tiene recorrido, 6 y 3 suman 9”.
Unha empresa de transporte puxara polos terreos ofertando 400.000 euros (fronte ao millón e medio de prezo de saída da poxa), aínda que de momento a subasta non se fixo efectiva pois a Fundación Benposta presentou un recurso administrativo ante a Seguridade Social.