A Asociación Xuvenil propón numerosas alternativas para que os rapaces ourensáns gocen das súas vacacións escolares.

Amencer oferta 12 campamentos para este verán

A Asociación Xuvenil Amencer vén de  presentar os  12 campamentos que ten preparados para que este verán os rapaces ourensáns gocen das súas vacacións. Terán lugar entre finais de xuño e agosto.

En primeiro lugar haberá campamentos abertos: “XI Mañás de Verán”, do 27 de xuño ao 14 de xullo, para nenos de 3 a 14 anos; “VI Mañás Lúdico-deportivas”,  do 18 ao 22 de xullo en horario de 10.00 a 13.30 horas para rapaces de 5 a 16 anos; e o “XXIX Campamento Urbano Infantil e Xuvenil”, que terá lugar dende o 1 de agosto (o infantil para nenos de 8 a 16 anos e o xuvenil para maiores de 15).

Así mesmo, organizan campamentos de grupos, para os rapaces que participan en actividades durante todo o curso. Son o “Campamento Saltimbanquis”, ambientado nunha aventura pirata, que se realizará na fin de semana do 1 ao 3 de xullo en Allariz; “Campamento Andaina”, que terá lugar do 15 ao 23 de xullo en Foz; e “Campamento ADS”, do 15 ao 23 de xullo en Castrelo-Cambados.

Tamén haberá actividades para grupos xuvenís: un campamento para mozos de 14 a 16 anos, e outro para os de 16 a 18 anos, ambos do 7 ao 15 de xullo en Castrelo-Cambados; así como un para rapaces de 18 e 19 anos, e outro para os maiores desa idade, ambos do 15 ao 19 de xullo, nun lugar por confirmar.

Por último, terá lugar o “IV Summer Fun! Camp”, do 14 ao 21 de agosto, para rapaces de 8 a 14 anos de idade, que será impartido no albergue Beiramar da Coruña, fronte á praia do Orzán. Tratase dun campamento de inmersión lingüística no que participaran animadores europeos.

 

Información completa

Para máis información pódese pasar pola Asociación Xuvenil Amencer na praza Don Bosco, chamar ao 988 218123, escribir a amencer@amencer.org ou consultar a web www.amencer.org.