“Apelar á cidadanía para que cumpla a normativa non é de recibo cando o propio Concello incumple a parte que lle toca respecto ao coidado dos animais no municipio”, así de contendentes se mostran dende Ourense en Común, xa que o Concello incumple reiteradamente os artigos 11 e 12 da Lei Autonómica 1/93, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade. Eses artigos, regulan a recollida de animais abandonados e do servizo de recollida, “pero a concelleira responsable, Sofía Godoy, non aclara quen fai na actualidade ese servizo ou, como insiste saber OUeC, cantos laceiros municipais hai activos e de que medios dispoñen para efectuar o seu traballo”, denuncian dende OUeC. Asemade, a Policia Local en Ourense, que ten amplas competencias no tema, nin sequera dispón dun lector de microchips.
Estas cuestións, expostas repetidas veces en xunta de área pola concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, seguen sen resposta, igual que o proxecto para reestruturar a protectora municipal PROGAPE.
No referido aos excrementos dos animais, Ourense en Común considera necesario habilitar basoiras para depositalos xa que, se ben a recollida é unha obriga legal e cívica, a administración debe proporcionar ás veciñas os medios para cumprir as normas e non só sancionar con multas “que poden ir ata os 3.000 euros”, equiparando a falta de recollida dos excrementos coa sanción grave por maltrato animal ou abandono.