Medio cento bonsais ocupan o viveiro do Botánico de Montealegre até o próximo 5 de xuño. E, malia que o nome remítenos irremediablemente á cultura nipona, a meirande parte dos que se poden observar en Ourense son especies autóctonas perfectamente adaptadas ao clima local. Non é de estrañar, xa que logo, atopar un bonsai rescatado do propio Montealegre. “A exposición é unha magnífica oportunidade divulgativa para as escolas” en palabras do concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, “e complementarase con obradoiros para o coidado de bonsais durante as fines de semana”.
Os exemplares, entre os que podemos atopar carballos a pequena escala ou familiares dos piñeiros tan característicos de Ourense, atópanse á espera de todos ourensáns e visitantes froito da perseveranza dun particular e colaborador do Botánico. Posuidor de preto de dous centos bonsais, explica que o único segredo é escoller boa terra e coidalos, coma calquera outro ser vivo. “Para os que teñan dificultades, ou non saiban enfrontarse a un bonsai, no Montealegre podemos explicarlle todo o que precisan”, avisaba o responsable do Botánico, José Manuel Corbal.
Ademais, o propio Araújo aproveitou a inauguración da exposición para convidar os centros educativos interesados en participar a que se poñan en contacto co Botánico de Montealegre para concertar visitas guiadas. “E, de paso, que descubran as inmensas posibilidades do Montealegre, que é un espazo aberto a toda a cidade”.
Deixa no Montealegre as túas raíces
Co obxectivo de ampliar o catálogo da flora ourensá, desde Medio Ambiente convídase a todas as persoas que teñan bonsais ou calquera outra planta ou árbore que non sexan capaces de coidar, que participe da nosa campaña “Deixa no Montealegre as túas raíces”. Esta acción consiste en cedelas para que pasen a ser coidadas neste espazo, apadriñalas, e formar parte do catálogo de especies de Ourense.