O voceiro do Grupo Municipal Socialista no Concello do Irixo, Iago Fariñas, presentou unha moción para ser debatida no pleno instando ao Concello á urbanización con beirarrúas da estrada que comunica os lugares do Abanico coa Estación, coa Lama e coa Laíña. A cal comprende un importante núcleo, non só polos veciños residentes nestes lugares, senón tamén por todo o tránsito de vehículos e persoas que soportan estes viais ao ser zona de paso para outros pobos e lugares da parroquia do Campo, San Cosme, etc. Ademais, son os lugares onde se sitúan tanto a estación do tren coma a igrexa parroquial de Santa Mariña do Campo así coma o seu velorio e camposanto parroquial.
Debido á inexistencia total de beirarrúas entre o Abanico e a Estación, aínda existindo algún tramo intermitente pero totalmente insuficiente, fai completamente inseguros estes traxectos para os veciños, especialmente cando se producen celebracións relixiosas ao asistir á misa ou os días que se produce un acto relixioso coma un enterro.
Os socialistas do Irixo queren salientar, tamén, que un veciño que se desprazase camiñando para viaxar nos trens que chegan ao municipio tería dificultades e moita inseguridade se pretendese facelo fóra do entorno da propia estación. Recordan que “no víal ata o Abanico, circulan moitos coches, a velocidades non sempre reducidas, debido á falta de curvas, o que a fai máis perigosa”, insisten.