De febreiro a xuño a Fundación Curros Enríquez acolle numerosos grupos de escolares que se achegan a Celanova para visitar a Casa dos Poetas e para realizar algunha das actividades organizadas en torno aos escritores da vila. Moitos deles realizan o programa ‘Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’ que combina as visitas á Casa dos Poetas, ó Mosteiro de San Rosendo, a Vilanova dos Infantes e a Castromao cun percorrido urbano a través da poesía pola vila de Celanova.
Anualmente a recepción media de visitas escolares na Casa dos Poetas ronda os 50 centros de toda Galicia (aproximadamente uns 2.000 rapaces), actualmente, cando aínda se continúan a recibir solicitudes, a Fundación ten confirmada a visita de 60 centros de toda Galicia cunha previsión de 2.300 alumnos.
Desde fai uns anos esta entidade está a agradecer publicamente a aqueles centros que realizan a súa visita por quinto ano desde a apertura da Casa dos Poetas en 2006. É o caso dos seguintes cinco centros: IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño, IES Valadares de Vigo, IES Pedra da Auga de Ponteareas e IES Vilar Ponte de Viveiro. Neste ano no que estamos a cumprir 10 anos desde a apertura da casa familiar de Curros tivemos dúas ocasións excepcionais de centros que cumprían o seu 10º ano de visita, como foron o caso do IES Val Miñor de Nigrán e o IES O Castro de Vigo.
Continuando co labor de acadar o ambicioso obxectivo marcado en 2006 de tentar que todos os centros de secundaria pasen por esta casa nalgún momento, en 2016 contan con 8 centros que participan por primeira vez nas actividades e visitas ofertadas, entre os que destacamos o Instituto Español Cañada Blanch de Londres, recibido este 6 de maio.
Este ano a novidade do programa ofrecido consiste na incorporación da visita dun espazo emblemático vinculado á obra de Celso Emilio Ferreiro como é o espazo no que popularmente se cre que estivo preso no Mosteiro de Celanova. A cela coñecida por ser lugar de inspiración para o poema ‘Longa noite de pedra’ é en realidade o antigo arquivo do Mosteiro, unha estancia toda de pedra para evitar que calquera incendio destruíra os códices gardados e pola que se accede a través dunha balconada na que hay unha excepcional vista da capela de San Miguel.