A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Riós formalizaron o convenio de colaboración no que se establece que o Goberno autonómico achegará máis de 161.000 euros para mellorar a praza da Trepa.
A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Francisco Armando Veiga, asinaron o documento no que se establecen as bases desta colaboración, que se inscribe no Plan hurbe.
Esta actuación servirá para adecuar este espazo público e recuperalo como unha área de interacción social, cunhas mellores condicións de seguridade para os seus usuarios. Esta praza constitúe un lugar de reunión para celebración de diversos eventos e actuacións, entre as que destaca a Romaría das Dores, evento que conta con moita afluencia de público, polo que o acondicionamento da praza faise necesario.
Cabe destacar que esta é a quinta actuación que se acometerá no concello con cargo ao Plan hurbe. En anualidades anteriores, investíronse máis de 175.000 euros en distintas actuacións, como a urbanización de dous espazos públicos, o acondicionamento do entorno do equipamento recreativo da Telleira, a mellora de rúas en Romariz, e a construción da praza en Marcelín.