O Grupo Municipal Socialista no Concello de Rairiz insta á alcaldesa a que propoña unha cuestión de confianza ante o pleno e comprobe se conta co respaldo do seu propio grupo ante “a total inoperancia do goberno que se está a padecer”. A “desidia”, a xuízo dos socialistas, que trouxo consigo o nomeamento de Asun Morgade como rexedora “está a ocasionar graves consecuencias para o funcionamento diario do Concello», aseguran.
Na súa segunda toma de posesión, a alcaldesa prometeu que ía comezar unha nova época máis democrática e dar conta da débeda real do Concello, algo que, a día de hoxe, non aconteceu. Os socialistas de Rairiz, móstranse cansos “de agardar por falsas promesas de cambio e da inoperancia dunha alcaldesa que non da sacado adiante as súas propias propostas”.
Así mesmo, dende o PSOE aseguran que os tres tenentes de alcalde (escollidos pola rexedora) “amosan claras diferencias co seu modelo de xestión e coa súa forma de proceder e gobernar ao non mantelos informados das propostas que leva a pleno”. Estas formas conlevaron a fragmentación do grupo de goberno municipal, e un dos seus concelleiros pasou ao grupo mixto e o resto non votan o que Morgade leva á sesión plenaria.
“Tendo como ten 7 concelleiros de 9 que conformamos a corporación, non debería ter maior problema en someterse á cuestión de confianza para desbloquear esta situación e de non someterse, entenderemos que hai un claro risco de fractura no goberno ou que ela mesma entende que non a vai obter”, reclaman dende o PSOE. De cumprirse esto último, os socialistas opinan que o mellor para que mellore a situación de desgoberno de Rairiz é que Morgade se aparte do cargo e deixe a unha persoa que si conte co respaldo da maioría da corporación municipal.