O novo Campus da Auga situará á cidade de Ourense –e, por ende, á Universidade de Vigo– na vangarda europea da investigación e a innovación en torno a este recurso natural. Así o subliñou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con motivo do acto de apertura da exposición ‘Arquitecturas da auga’, unha mostra composta polo proxecto gañador e finalistas para o novo edificio.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, coñeceu de preto os detalles arquitectónicos do novo edificio, que busca converterse nun centro de referencia na investigación da auga tendo en conta a potencia termal de Ourense, segunda cidade europea máis importante no uso mineromedicinal deste recurso.
Ao acto tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o alcalde do concello, Jesús Vázquez Abad; o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño.
O Campus da Auga, o primeiro en emprender a liña de especialización fóra dos campus centrais do Sistema Universitario de Galicia, serviu de referencia para as actuais iniciativas en marcha. Deste xeito, Román Rodríguez lembrou a importancia de seguir avanzando na especialización dos diferentes campus periféricos, co fin de vinculalos co tecido produtivo de cada zona e favorecer así a transferencia de coñecemento á empresa e á sociedade en xeral. Trátase, por tanto, de establecer sinerxías e liñas de actuación conxunta entre a Universidade, e o tecido empresarial, económico, social e cultural da provincia.
Seis áreas de especialización
O novo edificio será destinado, primordialmente, a usos de investigación, e tamén albergará a sede institucional do Campus da Auga. O proxecto susténtase en cinco liñas de orientación estratéxica: educación, investigación, transferencia de tecnoloxía e coñecemento, internacionalización e financiamento sostible. Estas liñas estrutúranse en seis áreas de especialización, que son a alimentación, a xestión do recurso da auga, a innovación social e educativa, o medio, as tecnoloxías da información e a comunicación, así como o turismo e o patrimonio cultural.
Dentro destas cinco liñas de orientación estratéxica inclúense varias accións que axudarán a afondar nos retos futuros deste campus de especialización. Así mesmo, establecerase un programa de doutorado do Campus da Auga co fin de incrementar o número e o nivel investigador dos doutorandos concedidos, crearase tamén un programa de innovación educativa orientado aos profesores, poñeranse en marcha dous Clúster de I+D e unha Unidade de Investigación de Excelencia universidade-empresa-administración.
Por outro lado, tamén se prevé a creación dunha Unidade de Transferencia de Tecnoloxía e Coñecemento e dun Programa de Emprendemento e Creación de Empresas, potenciarase o Programa de mobilidade de estudantes de doutorado e investigadores e establecerase un Fórum Internacional en Investigación e Educación Colaborativa.
Sete proxectos na mostra
A través de varios paneis, nesta mostra expóñense os mellores proxectos arquitectónicos para o edificio do Campus da Auga presentados no procedemento público de adxudicación. En concreto son un total de sete, entre os que se encontran os tres premiados: OIKOS ESTUDIO S.L.P. (dos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Dieguez Iglesias), que obtivo o primeiro premio e foi a adxudicataria do contrato; así como IDOM ACXT (2º premio), e Jovino Martínez Sierra e Óscar López Alba (3º premio).