O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu, no acto de presentación da 3ª Semana Escolar das Letras Galegas, “a necesidade de seguir potenciando e promovendo a nosa lingua, o maior tesouro dos galegos, que debe estar en constante proceso de mocidade, renacendo todos os días”. Por elo, afirmou o presidente do goberno provincial, “ten a súa razón de ser a Semana Escolar das Letras Galegas, que organiza a Deputación de Ourense como homenaxe ao noso idioma, para que os máis novos sigan a mantelo vivo, e para promover aos autores máis representativos da nosa literatura e, sinaladamente, a aqueles da nosa provincia”.
A “3ª Semana Escolar das Letras Galegas” chega a 8.290 escolares e profesores de 65 centros de ensino da provincia de Ourense. Nesta edición editouse a publicación Augas e literatura na ourensanía, que recolle unha escolma de 13 autores ourensáns, tendo a auga como fío condutor, como esencia e orixe de Galicia.
Manuel Baltar anunciou, asemade, que este ano a Deputación de Ourense realizará actividades para pór en valor a figura da escritora ourensá Filomena Dato, “da que se conmemoran os 160 anos do seu nacemento”, unha autora “da que é necesario promover a súa obra”, explicou a editora da antoloxía «Augas e literatura na ourensanía», Mercedes Pacheco, quen destacou que Filomena Dato e as irmás Pura e Dora Vázquez “son as mulleres que figuran na escolma, xunto con outros 10 narradores e poetas ourensáns”.
O manual «Augas e literatura na ourensanía» é unha antoloxía que conta cunha biografía de cada autor, un retrato de cada un deles (obra de Suso Cubeiro), e unha escolma de textos que este ano versan sobre as augas de Ourense.
A coordinadora da actividade, Llerena Perozo, explicou que a Semana das Letras Galegas desenvolverase en centros escolares da provincia de Ourense ata o vindeiro 16 de maio, cun programa que inclúe propostas de traballo recollidas nunha guía do profesorado, con pautas para utilizar a antoloxía. Os alumnos aos que vai dirixida son estudantes de Secundaria e do último curso de Primaria, explicou Llerena Perozo, quen engadiu, que o obxectivo é que o material “contribúa ao currículo académico, con contidos centrados na realidade das letras da provincia de Ourense, e que sexa tamén unha ferramenta de dinamización do traballo cultural nas aulas”.