Dous viños da Denominación de Orixe Valdeorras obtiveron cadanseu recoñecemento na última edición do prestixioso Concurso Mundial de Viños de Bruxelas. Trátase do Viñaredo Barrica Sousón (2011), que foi distinguido cunha medalla de ouro, e o Viñaredo Godello (2015), que obtivo unha de prata. Ambos os viños, elaborados pola Bodega Santa Marta, foron os únicos da D.O. Valdeorras que resultaron premiados neste relevante certame, que tamén distinguiu outros 18 viños galegos (13 da D.O Rías Baixas e 5 da D.O Ribeiro).
O Concurso Mundial de Bruselas (Concours Mondial de Bruxelles) é unha competición internacional de viños, bebidas alcólicas e espirituosas que foi creada en Bélxica no ano 1994. Na última edición deste certame, que tivo lugar na cidade búlgara de Plovdiv entre o 29 de abril e o 1 de maio pasados, un xurado profesional conformado por expertos procedentes de 40 países diferentes catou máis de 8.750 mostras de viños de 52 países produtores.
Sobre a Denominación de Orixe Valdeorras
A de Valdeorras é unha das catro denominacións de orixe vinícolas da provincia de Ourense. Está conformada por 45 adegas dos municipios de A Rúa, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín. Os viños desta D.O ocupan un total de 1.171 hectáreas de territorio nas que traballan 1.460 viticultores. En 2015, a produción da colleita en Valdeorras superou os 6,5 millóns de quilos de uva.