O Parque Botánico de Montealegre ten en marcha unha campaña de doazón de plantas entre a cidadanía de Ourense. Así, toda persoa que dispoña de especies vexetais nos seus domicilios poden cedelas ao Montealegre, depositándoas no parque para logo seren plantadas neste espazo.
Está habilitado un espazo dentro do parque para a recollida das plantas. Faise tamén un inventario das achegas mediante un libro de rexistro, previa análise por parte de persoal técnico das especies doadas e da súa viabilidade. Revisadas e catalogadas as especies, plántanse dacordo coas súas necesidades segundo un criterio de idoneidade, pasando a formar parte da colección do parque. Quedarían anotadas no rexistro, tanto o nome do doante como a posición dentro do Montealegre, para que se poida ver a súa evolución. Do mesmo xeito, cada doante recibe unha acreditación que indica a súa colaboración e o seu compromiso co parque.
A intención desta proposta, segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, é acadar un número de prantas suficientes, «e sobre todo con gran diversidade, xa que en xardíns privados, casas de campo ou balcóns existen infinidade de especies interesantes e a veces case imposibles de conseguir, salvo que sexa mediante intercambio entre parques e xardíns botánicos xa establecidos». Ademais, indica o concelleiro, «con esta iniciativa facemos que a sociedade participe do proxecto e que o vexan como algo seu e que ten unha continuidade no tempo».
Araújo salienta que «é fundamental a implicación da sociedade neste tipo de proxectos, dada a súa envergadura e sobre todo a duración da iniciativa no tempo, para a creación dun parque con aspiracións reais a converterse en botánico«. Así, tratarase de establecer colaboración con outros botánicos para conseguir especies, tanto en planta como en semente, co fin de enriquecer a flora do Montealegre.