Os vindeiros días 11 e 12 de maio terá lugar na Piscina Climatizada de Verín as xornadas ‘Primeiros auxilios e iniciación ao salvamento acuático’ destinada aos menores dos cursos de natación que se imparten nesta instalación deportiva.
As mesmas, que se celebrarán o mércores e xoves de 18.45 a 19.45 horas, serán impartidas por integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín. Durante esta xornada abordaranse cuestións como a aplicación do PAS (protexer a zona, alertar a servizos de emerxencia e socorrer a vítima), reanimación cardiopulmonar (RCP), rescate dunha vítima na auga (procedemento a seguir para devandito rescate -modo de introducirse na auga, nadar cara á vítima, somerxerse a por ela, extracción e realización do protocolo da RCP no caso de que fora necesario-).
Por outra banda, ao ser a Piscina Climatizada de Verín unha zonas cardioprotexida con desfibrilador externo semiautomático (DESA) e persoal autorizado para a utilización do mesmo, ensinarase aos menores participantes nesta xornada o que é un DESA e o seu funcionamento -co obxecto de actuar rápida e eficientemente para a atención inicial da parada cardiorrespiratoria, como primeiro interveniente, ata a chegada dos servizos de emerxencia-.
Estas xornadas continúan a liña de iniciativas, en materia de primeiros auxilios, iniciada pola agrupación verinesa en centros educativos, e que terá continuación durante as próximas semanas con actividades tamén para a poboación adulta. Parar participar na actividade de ‘Primeiros auxilios e iniciación ao salvamento acuático’, os interesados deben saber nadar -é imprescindible realizar unha distancia de 25 metros- e inscribirse na recepción desta instalación deportiva municipal.