A rede de candidaturas veciñais de Ourense (RedeOu) tivo este domingo 8 de maio unha nova xuntanza, desta volta en Xunqueira de Ambía.
O debate estivo centrado en dous puntos, por unha banda a mellora organizativa da rede e pola outra a valoración dos procesos de confluencia.
No plano organizativo prantexouse a necesidade de mellorar o funcionamento interno da rede para facer dela unha ferramenta mais áxil e aberta a novas incorporacións, asemade houbo coincidencia en que para as vindeiras municipais de 2019 a rede debía estar representada no maior numero de municipios da provincia e actuar de xeito coordinado, a fin de incidir en instancias supramunicipais, nomeadamente na deputación provincial. Entre os acordos tomados está a elaboración dun regulamento interno para a súa ratificación polas distintas candidaturas que integran a RedeOu.
No relativo a valoración dos chamados procesos de confluencia identificáronse unha serie de prioridades. Fóra de toda discusión estivo a necesidade de unidade de acción nos ámbitos electorais supramunicipais. Unánime foi tamén a análise de que só pode haber un único proceso de confluencia, que sexa identificado como alternativa de cambio e que sexa de adscrición individual. A practica totalidade das candidaturas identifica como imprescindible a territorialización do proceso, idealmente a nivel comarcal e como mínimo no ámbito das circunscrición electoral.
A RedeOu emprazouse ao día 4 de xuño para a seguinte xuntanza, a celebrar en Punxín.