A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase á celebración os 18 de maio da 38ª edición do Día Internacional dos Museos cun amplo programa con concertos, actividades teatralizadas, exposicións e obradoiros dirixidos a todos os públicos que se desenvolverán nos museos que xestiona. Haberá diferentes propostas case que ao longo de todo o mes de maio, dende 7 ao 29, sendo o propio día 18 un dos días con actividades máis destacadas.
En concreto na provincia de Ourense a programación conmemorativa desenvolverase no Museo Arqueolóxico Provincial, no Etnolóxico de Ribadavia e no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, ‘Lansbrica’.
Deste xeito, ademais de facer coincidir a súa habitual presentación pública da peza do mes, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense organiza unha serie de roteiros especialmente artellados sobre o lema deste ano, ‘Museos e Paisaxes Culturais’. Trátase de visitas a lugares da contorna de especial significación cultural, como o propio Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, o conxunto arquolóxico-natural de Santomé, Castromao ou a igrexa e palacio da Encomenda de San Xoán de Xerusalén (Beade).
Tamén se propón un obradoiro para os máis pequenos os días centrais da celebración, que baixo o título ‘Museos e Paisaxes culturais: as torres medievais da Limia’, achegará aos máis cativos aos paisaxes culturais da contorna. O propio día 18 programouse tamén un concerto no Claustro do Museo, da man de Mr Cool & Felipe Castro.
As propostas para esta celebración do Museo Etnolóxico de Ribadavia incorporan a novidade da proxección do documental ‘À propos de Nice’ con música en directo o propio día 18, aínda que comezarán coa celebración o domingo anterior, o día 15 de maio cun concerto de música clásica da man do quinteto de vento Airas Ensemble no patio do centro. Ademais, a Noite dos Museos, o día 21, o Etnolóxico abrirá as súas portas ata a 1 da madrugada e ofrecerá visitas teatralizadas á exposición ‘Seguindo o fío’.
Pola súa parte, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castraxa de San Cibrao de Las, ‘Lansbrica’, ofrecerá visitas guiadas gratuítas o sábado 21 e o domingo 22 de maio.
Todas as actividades son de carácter gratuíto. Con todo, e dado que algunhas delas dependen do aforo dos lugares onde se desenvolven, recoméndase que se consulten as páxinas webs destes museos ou o Portal de Museos da Consellería para comprobar as horas e se fai falta inscrición previa, así como os detalles máis pormenorizados. No portal de museos, http://museos.xunta.gal/ pódese acceder ás páxinas propias de cada un dos museos xestionados.