O Concello de Verín inicia ás obras de acondicionamento das catro grandes zonas de aparcamentos disuasorios e gratuítos que proporcionarán a veciños e visitantes preto de 1.000 prazas de aparcamento, contribuíndo a alixeirar de tráfico rodado as rúas e, nembargantes, facilitando o acceso ao comercio local, aos servizos sociosanitarios e as actividades culturais e de ocio dentro do núcleo urbano.
Esta medida, proxectada como un dos principais eixos de modernización do segundo núcleo urbano da provincia de Ourense, é sinalada polo rexedor, Gerardo Seoane, como “un dos vectores de transformación da vila, porque permitirá retirar parte do tráfico rodado das nosas rúas, sen por iso impedir o acercamento de veciños e visitantes ó noso núcleo, antes ben, facilitándoo con comodidade”.
A ubicación destas catro grandes zonas de aparcamento, sinalou Seoane, “está elixida para servir de cómodo acceso a outras tantas zonas de intensa afluencia de vehículos en Verín, como por exemplo as cercanías do ambulatorio, por razóns obvias, ou ó entorno da Alameda, onde se celebran feiras e festexos, e ás outras partes do casco urbano de Verín”.
As zonas elixidas son detrás da praia fluvial, no barrio de San Lázaro, con aproximadamente 250 prazas; na Preguiza, a continuación da zona da Alameda, outras 250 prazas; na rúa Juan Guerra Valdés, preto do ambulatorio, ao redor de cen prazas; e na zona de Luis Espada co cruce de Sousas, outras 200 prazas. O Concello de Verín está en negociacións para acadar outros dos soares para destinalos a aparcadoiros, un na zona centro, fronte ao Concello entre a Avenida de Portugal, a rúa Luis Espada e a rúa Elle (150 prazas), e dúas zonas máis na contorna do Centro Cultural e das Artes, que sumarían outras 400 prazas.
“É unha medida histórica para Verín, que como segunda urbe de Ourense, e cun desenvolvemento como núcleo de servizos, soporta cada vez máis tráfico satélite da nosa poboación virtual de 25.000 persoas que se achegan dende as comarcas limítrofes a realizar trámites, acudir ó médico ou ó comercio”, destacou o alcalde.
Así, Gerardo Seoane explicou que a solución clásica das regulacións de ORA, en proceso de reacondicionamento en Verín, “cumpren un servizo para fomentar a rotación, pero non poden sustituir ao lexítimo dereito dos cidadáns ao libre acceso ás súas zonas de vivenda ou esparcimento”.
Neste sentido, destacou que a medida de proporcionar zonas de aparcamento gratuíto aos cidadáns é “a filosofía dotacional que trunfa nos países máis desenvoltos de Europa, sempre que o espazo o permita”, e non está en contradición con regular a rotación nas rúas máis céntricas.