O Campus Universitario de Ourense será, este 11 e 12 de maio, a sede do colectivo de enfermería de toda a provincia, reunido por 11º ano consecutivo nas “Xornadas de Enfermería de Ourense”, organizadas pola Dirección de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, como marco de difusión do labor investigador da profesión e foro de debate para analizar os principais retos da enfermería na sociedade.
As Xornadas coinciden coa celebración, o vindeiro xoves 12 de maio, do Día Internacional da Enfermería, como ven sendo tradicional desde a súa constitución, por iniciativa da Unidade Docente de Enfermería do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, na que se integrou posteriormente a Atención Primaria, os hospitais comarcais de Verín e Valdeorras, e o conxunto de profesionais sanitarios, fisioterapeutas, técnicos superiores e auxiliares, ademais do alumnado da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense.
Esta reunión científica, decana no seu sector a nivel galego, serve para difundir os traballos de investigación publicados ou presentados, ao longo deste ano, en congresos ou simposios autonómicos, nacionais e internacionais, requisito imprescindible para concorrer ao Premio de Enfermería de Ourense, que este ano celebra xa a súa XVIII edición.
O lema deste ano é “Liderando coidados para adaptarse ás novas realidades sociais” e con el a enfermería quere centrar seus esforzos na responsabilidade dos coidados dos pacientes crónicos, non só os pluripatolóxicos e de idade avanzada, que en Ourense supoñen un altisimo volume de pacientes, senón tamén naqueles que padecen unha enfermidade crónica, desde a súa infancia ou adolescencia, e que hoxe, cos avances médicos, poden manter unha boa calidade de vida ao longo de toda a súa traxectoria vital, en parte grazas a calidade dos coidados de enfermería.
Este tema analizarase en dúas mesas redondas, que contarán coa participación de representantes de dúas asociacións de pacientes, e nas que se tratará o Programa de Atención a Pacientes Crónicos, que vén de poñerse en marcha en Ourense.
Relevante participación de investigadoras de referencia
A conferencia inaugura, este mércores 11 de maio, “Investigación en enfermería, unha aplicación na práctica” correrá a cargo dunha recoñecida referente no ámbito da investigación enfermeira, a catedrática de enfermería da Universidade de Granada, María José Aguilar Cordero.
Xunto a ela, as xornadas contarán coa presenza da profesora Norma Mur Villar, enfermeira materno-infantil especialista, doutora en Dirección da Investigación Científica e profesora da Universidade de Cienfuegos (Cuba), que pertence a distintos grupos de traballo internacionais de investigación enfermeira e impartirá o xoves a conferencia de clausura.
Novamente esta edición das xornadas demostra súa capacidade de convocatoria completando o aforo máximo da sede que as acolle. En total, máis de 300 profesionais inscritos, que maioritariamente desenvolven o seu labor na provincia, contando tamén cunha importante representación de colectivos do resto da comunidade autónoma e alumnas da Escola de Enfermería de Ourense.