O grupo municipal Ourense en Común comezou a finais de febreiro un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense, para achegar á veciñanza o plan urbanístico pretendido polo novo PXOM en trámite. Este mércores presentará aos veciños do centro da cidade o planeamento, nun acto na explanada das Burgas a partir das 20 horas.
En algo máis de dous meses, os concelleiros Martiño Xosé Vázquez e Miguel Doval, xunto cunha decena de persoas voluntarias, achegaron o documento a zonas como A Carballeira, As Camelias, O Polvorín, Seixalbo, A Cuña, Mariñamansa, Montealegre, O Couto, As Lagoas, Palmés, San Francisco e Canedo, entre outras. “O obxectivo foi visitar semanalmente dúas zonas do Concello de Ourense para transmitir o modelo de cidade pretendida polo novo PXOM, responder ás posibles dúbidas existentes e informar de primeira man á veciñanza do estado de aprobación do documento. Acción que debería partir do propio equipo de goberno do Partido Popular para facer este documento o máis estable, transparente e participado posible. Pois ninguén debería querer volver cometer erros pasados como o seu propio PXOM tombado pola xustiza”, apunta o concelleiro Martiño Xosé Vázquez.
Dende Ourense en Común insisten en que este PXOM non é o que houberan desexado, pois consideran deficiente a coñecida como “Fase de Avance”, na que o equipo redactor recolle impresións, suxestións e demandas veciñais. Carencia que teñen comprobado nestes mesmos encontros nos barrios.
“Hai un claro descoñecemento entre a veciñanza de que cidade se pretende con este plan. É algo que vimos confirmando en todos e cada un dos barrios visitados. Os veciños de Seixalbo, A Cuña ou San Francisco non son conscientes das posibilidades da liberación do corredor ferroviario coa chegada da alta velocidade, os veciños do Polvorín, As Camelias ou A Carballeira non foron informados do por que sería necesario un desdobre tipo Ronda Bulevar, ninguén lles explicou aos veciños de Montealegre porque é necesario un plan especial na zona, ou que solución se aporta no plan ao problema de accesibilidade ao Parque Botánico. As veciñas das Lagoas descoñecen a futura conexión co parque de Oira ou as veciñas de Canedo descoñecen por onde discorrerá a Variante Norte. Que clase de cidade queremos construír así?”.
Desde Ourense en Común critican que non exista vontade por parte do equipo de goberno «de comunicar persoalmente o resultado motivado das alegacións. Somos nós os que estamos facendo un traballo de mediación entre veciños e Concello de Ourense, función que non nos corresponde nin estamos cualificados para tal pero que seguiremos facendo namentres o Partido Popular non se responsabilice”.