A Garda Civil da Rúa detivo este mércores a O.R.S. de 58 anos e veciño deste muncipio, como presunto autor dun delito de maltrato animal. Horas despois o detido foi posto en liberdade tras prestar declaración no cuartel da Benemérita.
Segundo informan desde a Garda Civil, o pasado 3 de maio cando axentes prestaba un servizo na zona das Pedreiras, na Rúa, observaron un can de raza bóxer de cor canela e branca atado cunha cadea metálica nos exteriores dun garaxe. Debido ás lamentables condicións nas que se atopaba, tanto hixiénicas como sanitarias, e véndolle síntomas de desnutrición extrema, e que convivía cos seus propios excrementos, os axentes averiguaron a identidade do propietario e informárono da obriga de manter o animal en perfectas condicións, confeccionando acta de denuncia.
A Garda Civil fixo un seguimento ao animal e este mércores á mañá trasladáronse ao lugar e comprobaron que o can continuaba nas mesmas condicións. De feito, apreciábase que non tiña fonte de auga ou de alimento algunha e que a correa que tiña atada ao pescozo era de apenas dous metros e medio de longo. Por este motivo os axentes detiveron ao seu dono como presunto autor dun delito de maltrato animal, mentres que o can foi traslado á canceira que a Deputación ten na Rúa.