A Consellería de Política Social insiste na súa liña de diálogo coas demais administracións públicas de Galicia para xuntar esforzos no ámbito social e acadar melloras que beneficien á totalidade da poboación. Neste sentido, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Mancomunidade de concellos do Carballiño, Manuel Cerdeira Lorenzo. No encontro tamén estivo presente a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez.
Na reunión, que tivo lugar no despacho do conselleiro en San Caetano, conselleiro e presidente abordaron a temática social relativa aos concellos que este último representa e avanzaron posibles vías de colaboración coa Administración autonómica para mellorar tanto as infraestruturas como os servizos de atención aos cidadáns.
Deste xeito, a optimización dos recursos locais e autonómicos foi un dos piares da conversa que mantiveron os responsables políticos. En particular, Rey Varela destacou o incremento de 413 horas mensuais no Servizo de Axuda no Fogar á Dependencia, polo que o número de horas de servizo prestadas ao mes ascende a 3.281. Isto supón un aumento anual de 4.956 horas de servizo. Na actualidade, un total de 60 veciños e veciñas da Mancomunidade se benefician deste servizo, que presenta unha ratio de atención do 87%.