A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Manuel Pardo, visitou este xoves o edificio que acolle os Xulgados do Carballiño e analizou as necesidades destas dependencias.
Díaz Mouteira concretou que o novo Plan de Eficiencia Enerxética e Obras Menores dos edificios xudiciais prevé para O Carballiño tres actuacións que se executarán ao longo do segundo semestre deste ano. Concretamente en eficiencia enerxética, renovarase o equipamento térmico instalando unha caldeira de biomasa, ademais de acometer a climatización da segunda planta. A delegada territorial asegurou que estas obras van permitir reducir o consumo enerxético, e mellorar as condicións laborais dos traballadores e medio ambiente, ao substituír combustibles convencionais pola biomasa. En canto ás obras menores, indicou que está previsto a instalación de persianas na galería do inmoble.
A máxima representante do Executivo galego en Ourense lembrou que este Plan, que durará 3 anos e que prevé un total de 14 actuacións na provincia, ten como obxectivo completar a mellora das condicións dos xulgados galegos. Marisol Díaz enmarcouno no seo da aposta firme e decidida da Xunta por dotar aos profesionais e os cidadáns os mellores medios materiais ao seu servizo desde o punto de vista das infraestruturas xudiciais.
A visita da delegada territorial coincidiu co primeiro día de posta en marcha da nova oficina para a atención das vítimas de xénero que permitirá unha atención persoal, respectuosa e individualizada, procurando evitar a confrontación visual co presunto agresor e do público que acuda as dependencias xudiciais.