O Concello de Allariz acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Allariz, Francisco García Suárez e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.
Na Xunta Local de Allariz analizáronse os datos relativos á delincuencia na comarca durante o ano 2015 e de xaneiro a marzo de 2016, e que expresan unha tendencia estable na cuantificación da totalidade das infraccións penais, respecto ao ano anterior. Mantense o índice de delitos, redúcese lixeiramente o número de faltas e increméntase levemente as infraccións penais sen delitos contra a seguridade viaria e as infraccións administrativas. Así mesmo descende o número de detidos e investigados. Os niveis de esclarecemento tanto de delitos como faltas está por riba do 70%.
Despois de traballar na planificación da seguridade da comarca no que resta de ano 2016, definíronse os parámetros e o dispositivo que se porá en marcha co gallo da celebración da “Festa do Boi”, que se desenvolverá do 21 ao 29 de maio e que ano tras ano reúne a moitos visitantes da provincia e de toda a xeografía galega e nacional.
Declaracións
O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, agradeceulle ás Forzas e Corpos de Seguridade “o seu compromiso permanente na prevención, ou no seu caso, resolución de calquera acción delituosa que tente poñer en risco a tranquilidade dos habitantes desta comarca, así como a protección da gran cantidade de xente que vén de fora na época estival para gozar da variedade festiva destas terras.” Así mesmo, Castro salientou o deber de estar sempre vixiantes, “debemos seguir incidindo na constancia do traballo realizado como ata o de agora para que os niveis de delincuencia acentúen a súa diminución”.