Con 10 votos a favor (os que suman PSOE e BNG) e cinco en contra (do PP) este xoves quedaron aprobados os primeiros orzamentos do bipartito verinés. O voceiro do equipo de goberno, o nacionalista Diego Lourenzo, foi o encargado de debullar as contas para este 2016, que suman un total de 10.239.000 euros. Abriu a súa intervención recoñecendo a tardanza en presentar os orzamentos, e prometeu que cumprirían os prazos nos vindeiros.
Sinalou Lourenzo que nas contas “se recollen as prioridades políticas do goberno, cun equilibrio entre os programas do PSOE e BNG”, e cumprindo os principios de estabilidade orzamentaria, regra do gasto e sustentabilidade financieira.
O tenente de alcalde destacou a aposta pola remunicipalización de servizos que se recolle nestes orzamentos; á da ORA e a limpeza de servizos vaiselle sumar próximamente a limpeza viaria. Ademais, o gasto social crece un 11,23%, inclúense políticas de promoción cultural e dirixidas á mocidade, e aumentan nun 496% as subvencións a entidades culturais, deportivas e a nova liña de axudas a asociacións veciñais e mulleres rurais. Pola contra, a débeda baixa un 28%, e para investimentos produtivos destinase un montante de 1,5 millóns de euros.
Diego Lourenzo concluiu que os orzamentos traerán a Verín un incremento da actividade comercial, do valor dos inmobles, contribuirán a fixar poboación e aumentarán o benestar da xente.
A remunicipalización, un “erro” para o PP
Diverxente foi a valoración que realizou o líder da oposición, o popular Juan Manuel Jiménez Morán. Amosouse moi crítico coa remunicipalización de servizos, que considera un erro: “os servizos externalizados foron analizados no seu día polos técnicos e concluíron que eran máis baratos así”. Na súa segunda intervención, Lourenzo defendeu a remunicipalización: “entendemos que vai tarer aforros importantes que nos dean mare para facer esa baixada de impostos”.
Jiménez Morán tamén criticou o gasto en Persoal, que sobe un 21,15%, pasando de 3,2 millóns en 2015 a 3,8 millóns en 2016. En particular, referiuse ao gasto en dedicacións exclusivas do grupo de goberno (dúas) e no persoal eventual (dous contratados) que sumarán 147.557 euros anuais. “Se a maiores asumen o servizo de limpeza viaria que son 7 traballadores máis seguro, chegará un momento en que os gastos de persoal serán insoportables por este concello, apuntou o político popular.
As conclusións, para o voceiro do PP, son que o orzamento “non soluciona os principais problemas que neste momento ten o noso municipio, a industrialización nin o crecemento do emprego, nin o desenvolvemento do termalismo, o turismo e o sector primario”.
Ademais, Jiménez Morán cualificou de “pésima” a xestión económica do bipartito “gastando o que non teñen, neste momento hai máis de 250.000 euros en facturas sen pagar desde setembro que terán que ir a recoñecemento extraxudicial de crédito”, apuntou.