Este venres 13 de maio é a festa de Nosa Señora de Fátima e culmina a novena que se viu celebrando estes días no templo da parroquia do Couto. A partir das 22:45 horas terá lugar a procesión de antorchas, desde Fátima ata a Catedral, onde se celebrará misa a medianoite presidida polo bispo de Ourense.
A xornada seguinte, o sábado 14, darán comezo as festas do barrio do Couto. Haberá pasarrúas a cargo da charanga do Pereiro desde as dez da mañá, e ás 13 horas unha tirada de fogos de artificio anunciará o inicio das festas. Ás 20 horas o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, será o encargado de dar lectura ao pregón das festas e a continuación os alumnos de baile e pandereita da Asociación de Veciños O Couto actuarán para os presentes.
A partir das 21.00 horas dará inicio unha gran verbena que estará amenizada polas orquestras Alaska, Os Estelares e Arabia. Ás 21.30 horas terá lugar o III Festival de Canto.
O domingo continúan as festas xa desde as 10 de mañá, de novo con pasarrúas, e ás 11 os que se acheguen ao barrio poderán gozar co Campionato de Fútbol Infantil e Benjamín, que se levará a cabo na rúa Greco. Tamén durante a mañá a Real Banda da Deputación de Ourense ofrecerá unha actuación e ás 14.00 horas celebrarase a sesión vermú.
Ás 17.00 horas terá lugar unha exhibición de taekwondo e aerobic e ás 20.00 horas as orquestras Ledicia e Costa Dorada e o grupo Hiroshima porán a nota musical á verbena.
Os festexos proseguen o luns, con pasarrúas, sesión vermú e gran verbena á noite coas orquestras Nevada, Arabia e A Fórmula.
O Día das Letras Galegas, martes 17, rematan as festas do Couto, de novo con charanga a partir das 10 horas, e pola tarde, os máis pequenos poderán gozar cunha divertida Festa Infantil con discoteca móbil.