É o que queda de liga na Primeira División de fútbol sala feminino.

Catro xornadas para o final

Doce puntos son os que están en disputa para cada equipo de aquí a final de tempada para os equipos da Primeira División de fútbol sala. Ourense Envialia e Cidade As Burgas teñen nesta recta final obxectivos ben distintos.

O Envialia está inmerso na loita por entrar na Copa de España que se disputará cando remate a Liga entre os catro primeiros equipos da clasificación. As de Chipi téñeno todo de cara para ser as cuartas ao rematar a competición e entrar, por dereito propio, na disputa da Copa. As albinegras con 54 puntos superan en cinco ao seu máis inmediato perseguidor, a Universidad de Alicante. Por enriba está lonxe a terceira praza; o Alcorcón leva 61 puntos, sete máis que as ourensás.
Esta xornada o Envialia visita, precisamente, a Universidad de Alicante. Puntuar en terras do Mediterráneo suporía ter practicamente no peto a súa participación copeira. Unha derrota deixaría todo moi apretado para as tres últimas xornadas (dous puntos entre unhas e outras). As ourensás terían que xogar contra Gironella, Cidade e pecharían a tempada contra Futsi. Pola súa banda as alacantinas xogarían ante Futsi, Roldán e Móstoles. Rivais complicados para os dous equipos.

Cidade
O Cidade As Burgas está en terra de ninguén. Con 38 puntos ocupa a oitava posición moi lonxe dos catro primeiros postos e salvado de todo perigo de descenso. Polo que para estas catro xornadas finais as de Manolo Codeso tentarán acadar o maior número de puntos para subir o máis enriba posible na clasificación. Gironella, Rubí, Envialia e Alcorcón son os catro rivais das franxiverdes ata final de tempada.