O atleta afincado en Ourense e pertencente ao club Celta, José Antonio Requejo, proclamouse subcampión da Wings for Life Australia. Requejo foi convidado a participar nesta proba.
Os corredores inician a carreira 30 minutos antes da saída dun vehículo -catcher car- que lles vai dando caza aos poucos. O ritmo do coche vai aumentando desde os 15 km/h (primeira hora da carreira), 16 km/h (segunda hora), 17 km/h (terceira hora), 20 km/h (cuarta hora) e 35 km/h (a partir da quinta hora).
O español tivo unha dura pugna co seu rival Barry Keem, ao final vencedor da proba. Ata o quilómetros 50 estiveron xuntos, pero Requejo, con malas sensacións, quedou descolgado até que no quilómetro 57 agardou a que chegara o coche. Ningún outro rival foi quen de superar ao atleta do Celta.
Contento pola experiencia o deportista quedou un pouco insatisfeito polo resultado. “Hoxe -polo pasado domingo- corrín, pero non voei” e continuou cun desexo cara ao futuro, “agardo estar á altura no vindeiro Mundial de 100 km e igualar ou mellorar a medalla de bronce do pasado Mundial en Qatar”.
Wings for Life
Wings for Life é unha organización sen ánimo de lucro que destina todos os seus fondos á investigación das lesións da médula espinal. Organiza esta carreira que se disputa ao unísono en 33 países e 35 cidades. Requejo xa fora convidado a disputar a Wings for Life Turquía sendo o vencedor nesa ocasión.