O Concello de Ourense unirase a celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas 2016, adicado ao poeta Manuel María, con diferentes actividades que se desenvolverán luns 16 e martes 17 na sala municipal José Ángel Valente, no edificio do antigo Banco de España.
A rúa do Paseo será invadida desde as 11:00 horas por diferentes librarías da cidade, para divulgar a obra do escritor e os mellores títulos da literatura e en lingua galega. Estarán até as 20:00 horas. E desde as 12:00 horas, as actividades trasládanse á Sala Valente: haberá un concerto con títeres, co título «O bigote de Mimí», baseado no libro infantil de Manuel María.
O espectáculo é unha proposta escénica na que músicos e un titiriteiro se unen para amosarnos a historia do gato Mimí, quen padeceu as consecuencias dunha pésima decisión. Xa vello, o gato Mimí ve as cousas dunha perspectiva diferente, e involucrará a todo un grupo de música para que lle axude a contar polo mundo adiante as súas peripecias. Un guitarrista que agocha un segredo, un baixista tremendo, uns ratos sobrados de ritmo e moitas máis sorpresas nunha obra asombrosa na que a diversión está asegurada.
Ás 13:00 horas, no mesmo escenario, levarase a cabo unha lectura de poemas colectiva na que están chamados a participar todos os ourensáns que así o desexen.
As actividades continuarán o mércores, 18 de maio, ás 20:00 horas de novo no centro cultural José Ángel Valente, cunha conferencia de Xosé Carlos Caneiro titulada «Metáforas de Galicia, un idioma e un soneto a Manuel María».