Solicita a todos os municipios da provincia a aprobación dunha moción de apoio á creación dun centro de atención a persoas con diversidade funcional.

A Plataforma ProCAPD Ourense quere que os concellos ourensáns apoien á súa demanda

A Plataforma ProCAPD Ourense está a presentar en todos os concellos da provincia unha moción de apoio a creación dun centro de atención a persoas con diversidade funcional público e de xestión pública na nosa provincia.

Na moción ínstase ao Consello da Xunta de Galicia  a realizar un expediente de modificación orzamentaria do exercicio actual necesario para comprometer o gasto e inversión da redacción do proxecto e execución da primeira fase de centro; que o CAPD teña unha capacidade mínima de 100 prazas,  dada a alta demanda existente na provincia; que o proxecto sexa iniciado con carácter inmediato. Ademais, reclaman que o centro sexa 100% de xestión e titularidade pública.

Na provincia xa foi aprobada esta moción no Concello de Toén por unanimidade, e a Plataforma ProCAPD agarda «que os demais concellos segan o seu exemplo e a aproben do mesmo e de forma inmediata».

A plataforma está composta polos pais e nais de nenos con diversidade funcional do Centro de Educación Especial Miño de Velle, e conta co apoio de organizacións políticas, sindicais e sociais da nosa provincia. A súa reivindicación vén avalada por máis de 50.000 sinaturas que apoiaron a petición á Xunta de Galicia de creación dun CAPD en Ourense.

 

N