A programación inclúe o tradicional campionato de pesca, que terá lugar o 22 de maio. Para facer a inscrición, débese entregar un quilo de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos. A competición realizarase no río Limia con máis de 50 pescadores galegos e do norte de Portugal daranse cita neste evento.
Esta celebración foi declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”. Nela haberá degustacións de produtos tradicionais e actuacións musicais a cargo da Banda de Gaitas e Pandereteiras de Bande, e as charangas Os Bandiños e BB+, que participarán o venres 20 na inauguración do evento.
O sábado, 21 de maio, celebrarase ao longo de todo o día un concurso de caza, e tamén unha gimkana fotográfica en familia, ademais dun mercado de artesanía con preto de 40 postos. Asemade, unha exhibición de patinaxe por parte de nenos de Bande e unha demostración de salto con patíns, a cargo de Freestyle Slalom Vigo. Tamén, no denominado “Charagódromo” de Bande actuarán as charangas Compostela, Mekánica, e haberá unha sesión DJ a cargo de “Montamos la fiesta”. Para os máis cativos, programouse o espectáculo “Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica”.
O domingo, 22 de maio, ademais do campionato de pesca, actuará a Charanga de Bande, o grupo Castrexos, e haberá un concerto de acordeóns a cargo da asociación cultural “Os Gandeiros da Baixa Limia”, así como, unha exhibición de Zumba. Ao remate da xornada, terá lugar a degustación dos peixes capturados ao longo do día, xunto con empanadas e pan artesanal do forno de Vilar de Bande.