A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou aos representantes das entidades de iniciativa social e dos centros de información ás mulleres (CIMs) da provincia a convocatoria de subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na nosa comunidade. Esta Orde, para o período 2016 e 2017, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 10 de maio e conta cun orzamento de 975.000 euros cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
Esta convocatoria, pioneira a nivel estatal, ten por obxecto desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento chave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.
Neste sentido, a secretaria xeral da Igualdade subliñou que a inserción sociolaboral é “un mecanismo fundamental e chave para que unha muller que sufriu violencia de xénero consiga a súa independencia económica e persoal, tan necesaria para rachar os vínculos con agresor e acadar a súa efectiva recuperación integral”.
Segundo destacou a secretaria xeral da Igualdade, poden ser destinatarias das subvencións reguladas na convocatoria, as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma, non se atopen en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais cumpran as condicións establecidas na normativa xeral de subvencións.
Accións subvencionables
No encontro, López Abella indicou que poden optar a estas subvencións o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero en Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, a través de accións de itinerarios de inserción, que poden comprender accións coma diagnóstico competencial e deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante; orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego; busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca; intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas; asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar; prospección de emprego; seguimento da inserción nas empresas, se é o caso, e avaliación do traballo realizado; ou outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.
Tamén serán obxecto do programa accións encamiñadas á formación para o emprego, tanto a formación específica por sectores profesionais como accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes.
Por último, serán subvencionables as actuacións de apoio á conciliación, que consistirán na posta á disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, ben no fogar ou ben nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral ou na formación para o emprego.