«Cando as neuronas bailan», a última proposta expositiva do artista César Prada (Ourense, 1951), inundará de cor as salas I e II do Museo Municipal. Unha escolla de pintura, de escultura e mesmo unha proxección son algunhas das obras que poderemos visitar todos os ourensáns até o vindeiro 3 de xullo, compartindo ademais o espazo coa campaña de animación á lectura para a mocidade, unha combinación “explosiva”·en para a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quen coincidiu co artista na necesidade de educar o amor pola arte ás novas xeracións.
A mostra está composta por “materiais que son universos”, explicou o autor. A rúa dos viños, recordos de vellos amigos, a inspiración da súa compañeira Isabel ou mesmo a carraxe de ver a tanta xente nova sen traballo son algunhas das cousas que o levaron a pintar ou esculpir as máis de 50 obras que se poden ver no espazo da rúa Lepanto. Pero tamén a inspiración doutros artistas que admira, como Picasso, Kandinsky ou o propio Zapata.
Na exposición, ademais dos corenta cadros de grande e medio formato, hai bocetos, hai debuxos e hai esculturas que forman parte do camiño que o levou até aquí e que segue a inspiralo, na súa curiosidade infinita. Malia que é, posiblemente, unha das exposicións máis íntimas de Prada, o propio artista deixa claro no catálogo da mesma -confeccionado polo seu fillo Alexandre- que mira cara adiante e o camiño segue.
A directora de Espazos Expositivos do Concello de Ourense, Eva Torres, presentou con emoción esta nova exposición, logo do éxito que tivera a primeira exposición, dez anos atrás, tempo no que Prada forma parte dos fondos propios do Concello de Ourense.